Agroamb recibe a visita do reitor da Universidade de Santiago de Compostela

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, acompañado da Vicerreitora de Coordinación do Campus Terra, Montserrat Valcárcel, coñeceu de primeira man a actividade que vén desenvolvendo Agroamb dende hai dúas décadas nas súas instalacións da localidade da Ponte de Outeiro en Castro de Rei (Lugo).

A visita, na que tamén participou Francisco Balado, alcalde deste municipio, estivo guiada por Severiano Ónega, director xeral da empresa, quen explicou in situ o proceso produtivo mediante o cal Agroamb revaloriza os residuos orgánicos biodegrables ao transformalos en fertilizantes para uso agrícola. Neste senso, Ónega Ares trasladoulle ao reitor o “compromiso inequívoco” da firma coa economía circular, filosofía que avoga pola premisa de pechar o ciclo de vida dos recursos co obxectivo de mantelos o maior tempo posible na cadena produtiva.

Durante o percorrido, o director xeral de Agroamb tamén incidiu en que “o investimento en I+D+i é unha prioridade absoluta” para a empresa, que ten realizado e colaborado nunha quincena de proxectos de investigación nos que se mobilizaron preto de 2,5 millóns de euros. Máis concretamente, Ónega Ares recalcou que “dentro da comunidade científica, se hai un aliado de referencia para Agroamb ese é, sen dúbida, a Universidade de Santiago de Compostela e, dun xeito singular, o Campus Terra”.

A este respecto, aludiu ao departamento de Produción Vexetal da Politécnica Superior de Lugo, ao de Edafoloxía e Química Agrícola deste mesmo centro ou ao Grupo de Investigación de Enxeñería Ambiental e Bioprocesos. Da man deles Agroamb desenvolveu proxectos sobre o emprego de lodos de depuradora urbana no cultivo da rotación do millo e ray-gráss italiano; sobre o desenvolvemento de estratexias para a integración ambiental de mesturas de lodos de depuradora, cinzas de combustión madeireira e materiais adicionais; e sobre o potencial metanoxénico de residuos orgánicos industriais, respectivamente.

Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López Díaz, subliñou que a colaboración de empresas como Agroamb “axuda ás universidades a cumprir a súa función”, xa que “multiplica o valor do labor feito” nestas institucións educativas. Neste senso, Díaz reivindicou a importancia de que no sector primario se desenvolvan proxectos empresariais que dinamizan o territorio, favorecen a creación de emprego na contorna xeográfica próxima e melloran o grao de benestar das persoas que viven no medio rural. Ademais, López Díaz tamén incidiu en que “o éxito aínda é maior e ten máis valor engadido cando todas estas accións se fan apostando polo uso circular, o desenvolvemento sostible, eliminar residuos e por ofrecer saídas alternativas a produtos residuais”.

Mentres, o alcalde do Concello de Castro de Rei, Francisco Balado destacou a iniciativa e o compromiso de Agroamb co seu entorno local xa que, segundo asegurou aos medios de comunicación, contar con empresas deste tipo contribúe á xeración de emprego e á fixación de poboación.

O acto, que se desenvolveu esta mañá e no que participaron diversos integrantes do equipo humano de Agroamb, como Josefa León, directora de Competitividade Estratéxica, rematou coa entrega aos asistentes por parte de Severiano Ónega dun obsequio corporativo.

No Comments

Post A Comment

Translate