A empresa luguesa Agroamb, única candidata galega nos Premios EMAS de Desenvolvemento Sostible

A empresa luguesa Agroamb, única candidata galega nos Premios EMAS de Desenvolvemento Sostible

  • A Comisión Europea concede estes galardóns a entidades que teñan impulsado a obtención da certificación EMAS como motor de cambio cara a unha transición sostible
  • Agroamb será tamén a única representante española na categoría de pequenas empresas privadas, na que competirá coa austríaca BERNHARD AV GmbH, a belga SCHMITZ Digital Printing sprl e a alemá Glöckner Natursteine
  • O fallo do xurado coñecerase o vindeiro luns día 25 de novembro no Museo Guggenheim de Bilbao

Lugo, 20 de novembro de 2019. A empresa luguesa Agroamb é a única aspirante galega a recibir o vindeiro luns os Premios EMAS de Desenvolvemento Sostible, que concede a Comisión Europea para recoñecer as mellores iniciativas públicas e privadas neste ámbito.

Deste xeito, Agroamb representará a España na categoría de pequenas empresas privadas logo de superar varias fases de selección previas nas que tanto a administración autonómica coma o Ministerio para Transición Ecolóxica escolleron á firma luguesa, especializada na valorización e xestión integral de residuos para a elaboración de fertilizantes órganico-minerais. Unha vez superadas estas dúas cribas (a autonómica e a nacional), Agroamb tamén conseguiu situarse entre as mellor consideradas na fase europea, na que competía cunha organización da mesma categoría por cada país.  

Agora, un xurado que integra a expertos, representantes e entidades premiadas na anterior edición será quen decida os gañadores, que se anunciarán na ceremonia de entrega dos premios, que terá lugar o vindeiro luns día 25 de novembro no Museo Guggenheim de Bilbao.

En concreto, a austríaca BERNHARD AV GmbH, a belga SCHMITZ Digital Printing sprl e a alemá Glöckner Natursteine son as rivais de Agroamb na categoría de pequena empresa privada para estes EMAS 2019, que acollen a un total de 27 candidatos distribuídos en cinco grupos, tanto do sector público coma do sector privado.

A representación española complétana a manchega Laboratorios Servier SL na categoría de grandes empresas privadas; o hospital andaluz Victoria Eugenia na de firmas privadas medianas; a Autoridade Portuaria de Barcelona na de organizacións públicas medianas e a Autoridade Portuaria de Cartaxena na de institucións públicas pequenas.

Premios EMAS.

Baixo o slogan ‘EMAS como motor de cambio’, a Comisión Europea recoñecerá nesta edición de 2019 as mellores prácticas daquelas empresas que contan coa certificación EMAS, que outorga a Unión Europea de acordo coa súa regulamentación propia en relación aos Sistemas de Xestión Ambiental.

Nesta liña, o EMAS recoñece que as organizacións deben ter a súa propia responsabilidade á hora de xestionar o impacto ambiental que xeran coas súas actividades, servizos ou produtos.

Trátase dunha certificación distinta á norma ISO 14001, coa que conta tamén Agroamb, e, de feito, ten algúns requisitos máis estritos ca esta última, como a esixencia dunha revisión ambiental antes de implantar o regulamento, verificada por un organismo externo ou tamén a necesidade de cumprir todos os requisitos relevantes relacionados co medio ambiente (a ISO 14001 só esixe o compromiso de cumprimento).

No Comments

Post A Comment

Translate