A xestión de residuos é chave para superar a emerxencia da Covid-19

A Covid-19 ten mudado, por completo, o mundo e a industria tal e como oscoñeciamos, xa que as consecuencias desta pandemia afectan de xeito transversal a toda a poboación e a todos os sectores de actividade. É o caso da industria agroalimentaria, dos produtores agrícolas e gandeiros, e tamén das estacións depuradoras de augas residuais: o correcto funcionamento e abastecemento destas tres liñas, en cuxa atención se especializou a nosa compañía, son chave para facer fronte á situación de emerxencia actual.

Non en van, a realidade está a debuxar un momento nunca antes vivido para gandeiros e agricultores, que atravesan unha etapa crucial na que se ven obrigados a amosar unha capacidade de resposta sen fisuras para afrontar a alta demanda dos seus produtos e, deste xeito, que non se produza o desabastecemento. E esta realidade é a que os fixo visibles para a meirande parte da poboación, ao igual que ás actividades secundarias que contribúen a que eles poidan seguir traballando, como é o noso caso.

Para continuar apoiándoos, dende Agroamb reforzamos o servizo que lles prestamos, sempre dende a óptica da economía circular e aplicando protocolos de máxima seguridade tanto na recollida de residuos xerados nas explotacións para a súa hixienización e posterior valorización como emendas e fertilizantes, como na distribución e aplicación dos mesmos. É por iso polo que, nun dos picos anuais de actividade para este sector, puxemos á súa disposición un maior volume de recursos humanos e materiais, así como novos equipos de traballo.

Pola súa banda, a industria agroalimentaria tamén ten moitas olladas postas sobre si xa que é sobre ela onde recae a responsabilidade de abastecer os puntos de venta e, desta maneira, de satisfacer a demanda masiva dos chamados bens básicos a todos os cidadáns. Asegurar unha correcta xestión dos residuos que xeran é un dos motores que contribúe a que esa cadea non se rompa e, polo tanto, a nosa tarefa, acotío discreta, tamén é crítica neste ámbito e faise agora máis palpable.

Por último, non podemos esquecer o factor que permite que todo isto sexa posible: o noso equipo. Nunha situación excepcional, que require tanto de esforzos colectivos coma individuais, os empregados e empregadas de Agroamb ratificaron o seu compromiso coa actividade da empresa. O seu traballo, unido á confianza dos nosos clientes, é un eixe esencial para que a nosa resposta permita axudar a superar a situación de emerxencia actual.

No Comments

Post A Comment

Translate