Agroamb: cando a economía circular axuda a fixar poboación no rural

Concibida hai 20 anos como unha iniciativa de emprego local, hoxe son 50 os empregados que están vinculados de forma directa a empresa de Castro de Rei

Probablemente cando Severiano Ónega, administrador de Agroamb, deron os primeiros pasos para poñer en marcha o proxecto nunca imaxinaron que acabarían empregando de forma directa a 50 persoas, a maioría radicadas no rural lucense.  O que naceu como unha iniciativa de emprego local en Castro de Rei, hai xa 20 anos, pasou a converterse nun grupo empresarial baseado no modelo de economía circular que axuda a fixar poboación na súa contorna.

Todo se remonta ao ano 1999, cando Severiano, veterinario de formación, foi a primeira persoa en darse de alta en Galicia para usar residuos orgánicos na agricultura. Era o xerme para a creación de Agroamb no ano 2000, cuxa orixe estaba na producción e nos servizos agrícolas, e que medrou apostando pola sostibilidade transformando residuos en recursos. Foron os pais dos irmáns Ónega, Álvaro e Severiano, quen inocularon o embrión do que hoxe é o grupo, a través da actividade agraria familiar, e son os empregados e empregadas que conforman a gran familia de Agroamb quen, co seu esforzo, axudaron a que hoxe a empresa sexa un referente da economía circular en Galicia.

A valorización de residuos orgánicos da industria agroalimentaria non é máis que devolver á terra o que é da Terra. E precisamente á Terra, nesta caso á Terra Chá, a actividade do grupo devolveulle o que máis quere: a súa xente. A planta de Ponte de Outeiro, no corazón da comarca, axuda a que as novas xeracións non vexan o seu futuro lonxe, na cidade. Unha solución que non só achega estabilidade á poboación da contorna, senón que ademais suma a chegada daquelas e aqueles profesionais cualificados que veñen atraídos polas oportunidades laboráis que agroman desta firma. En definitiva, axuda a evitar que esas poboacións que conforman a Galicia e a España baleirada non se acaben despoboando.

O tempo que transcorreu durante estes 20 anos deu a oportunidade ao proxecto de evolucionar hacia sostibilidade sempre apoiado no I+D+i, que forma parte do seu ADN de forma intrínseca. A colaboración coa universidade e diferentes centros de coñecemento foi tamén un motor para o crecemento dun grupo cuxa actividade comezou coa produción forraxeira, seguindo o modelo de negocio herdado da familia, e foi pechando o círculo co asesoramento e xestión ás empresas produtoras de residuos, o transporte e o tratamento destes restos orgánicos para convertelos en fertilizantes, ata rematar elaborando o plan agronómico para despois distribuír e aplicar o fertilizante na terra. Unha participación en todos os procesos do ciclo do campo e unha interacción con todos os actores que interveñen no mesmo, que achega un valor engadido á Terra Chá e, á súa vez, axuda a fixar poboación no rural lucense.
 

Pasado, presente e futuro dunha familia labrega

Agroamb é hoxe un grupo de empresas de capital integramente galego cunha orixe familiar, nacidas no rural e para o rural. O labor que desenvolven na actualidade as firmas dos irmáns Severiano e Álvaro Ónega Ares non sería posible sen a visión adiantada á súa época que tiveron os seus pais, Severiano Ónega Ramberde e Marina Ares. Eles tamén foron pioneiros: por unha banda, cando rexistraron en Lugo un dos primeiros tractores adquiridos da provincia coa intención de prestar servizos á comunidade, e, pola outra, cando Marina foi quen levou o peso da xestión do negocio familiar, algo daquela non tan habitual na contorna rural.

Esa mentalidade de colaboración e mellora foi a que levou aos seus dous fillos a ampliar e modernizar esta actividade vinculada á terra e á agricultura. A necesidade puntual dunha industria local de buscar solucións aos seus restos orgánicos e a experiencia previa na fertilización das súas parcelas deulles aos irmáns o punto de partida para a nova aventura empresarial. Actualmente, Agroamb Prodalt dá resposta a unha das premisas e dos retos medioambientais máis importantes, como é a xestión de residuos e, ao mesmo tempo, está a xerar riqueza convertendo estes restos orgánicos nun recurso para a terra. Esta filosofía de actuar no local para contribuír á mellora global foi o que levou ao Grupo a ser asinante da iniciativa UN Global Compact e vogal do Comité Executivo da súa rede española e a colaborar en proxectos en países como Portugal ou Paraguai.

A visión de futuro familiar e empresarial dos irmáns Ónega Ares susténtase en dous piares fundamentais: a sostibilidade e a innovación. A preocupación pola protección e conservación da terra e da natureza ponse de manifesto a través da Fundación Blas da Ponte de Outeiro, en memoria do seu pai, e que ten como fin último a defensa do medio natural de Galicia. Mentres, a inquedanza pola preservación do medio ambiente de Agroamb Prodalt foi recoñecida por premios a nivel europeo como os EMAS ou os EBAE. Non en van, ese espírito innovador do grupo tradúcese nun forte compromiso á hora de consolidar a recuperación do emprego no rural e a xerar riqueza aproveitando os nosos recursos e as novas tecnoloxías. Porque a maior aspiración de Agroamb non é outra que a de axudar a labrar o futuro do rural en Galicia.

No Comments

Post A Comment

Translate