Agroamb, a empresa chairega que apostou por incrementar as contratacións nun contexto de crise sanitaria

A Comisión Europea vén de desenvolver, nos últimos sete días, a Semana Europea de Prevención de Residuos, un proxecto plurianual cuxo obxectivo é promover a realización de diferentes accións sobre prevención e xestión sostible de residuos. As actuacións están enfocadas ás 9R: repensar, redeseñar, refabricar, reparar, redistribuír, reducir, reutilizar, reciclar e recuperar enerxía, os piares sobre os que se fundamenta a economía circular.

Para entender a importancia deste modelo, que cobrou máis relevancia coa crise sociosanitaria da Covid-19, non é preciso viaxar ata moi lonxe. Na Ponte de Outeiro, no concello de Castro de Rei, atopamos unha firma que leva 20 anos traballando na valorización dos residuos orgánicos da industria agroalimentaria: Agroamb Prodalt. O proxecto impulsado polos irmáns Álvaro e Severiano Ónega Ares foi o primeiro en Galicia en dar de alta a súa actividade neste campo e hoxe en día é un importante xerador de valor para a Terra Chá.

Nun momento de incerteza, como o que se está a vivir no 2020, o labor que leva a cabo a empresa chairega é dobremente importante. Por una banda, porque, nun contexto no que é imprescindible garantir a correcta xestión dos residuos e subprodutos da industria agroalimentaria, a actividade de Agroamb foi considerada como esencial polas autoridades. E, pola outra, porque ao ter que atender a esas necesidades da sociedade, a firma incrementou o seu volume de traballo e, polo tanto, precisou ampliar o tamaño do seu cadro de persoal. O modelo de economía circular revelouse, deste xeito, como efectivo á hora de xerar emprego nunha situación de recesión para o mercado laboral.

Creando emprego no 2020

Concibida na súa orixe coma unha iniciativa de emprego local, hoxe preto de medio cento de empregados están vinculados de forma directa á empresa de Castro de Rei e as cifras medran de forma exponencial nos últimos anos. Se no 2019 a firma incrementaba nun 15% o número de traballadores, neste convulso 2020 foi quen de ampliar nun 22% o total de persoas contratadas. Os datos toman maior relevancia cando se analizan en profundidade os perfís contratados e a estratexia de captación e retención do talento de Agroamb.

Para a incorporación de persoas traballadoras na firma chairega os datos do DNI non son factores determinantes. As estratexias para combater as desigualdades, tanto de xénero como por cuestións de idade, son un aspecto moi importante dentro dos obxectivos do grupo empresarial. Neste senso, nos últimos dous exercicios as contratacións de profesionais abarcaron un amplo abano de perfís nos que hai que destacar que un 50%, no ano 2019, e un 43%, no ano 2020, eran persoas que por idade se atopaban en risco de exclusión do mercado laboral.

Agroamb, que é asinante do Pacto Mundial das Nacións Unidas e vogal no Comité Executivo da Rede Española, apoia o programa Target Gender Equality, un acelerador que busca fomentar o liderado e a representación das mulleres nos negocios. Así, as contratacións de mulleres supuxeron un 25% do total no ano 2019, e no 2020 ese dato medrou ata acadar o 28,5%. As traballadoras representan na actualidade un 30% do total do cadro de persoal da empresa con sede en Castro de Rei, que leva máis alá o seu compromiso: o obxectivo da firma é que no 2025 as mulleres ocupen o 50% dos postos de responsabilidade.

A terceira pata que sostén a estratexia de contratacións de Agroamb é, á vez, unha garantía de futuro para o rural. A incorporación de recentemente titulados e tituladas en busca dunha primeira oportunidade laboral, ademais de engadir talento á compañía, serve para fortalecer outro dos obxectivos clave para a firma: fixar poboación cualificada na súa contorna.

Enchendo a España baleirada
O valor engadido que lle achega a actividade deste tipo de grupos empresariais á Terra Chá vai máis aló do propio factor económico. A incidencia demográfica que supón a chegada deste tipo de profesionais axuda notablemente a evitar o baleiramento do rural.  En escenarios coma o actual, no que dende o mundo urbano se tomou unha maior conciencia da importancia do agro, quen torne a mirada cara ao campo verá que existen posibilidades profesionais reais.

Entre as estratexias de recursos humanos de Agroamb, cabe subliñar a importancia de contratación de traballadoras. Nun sector e territorio tan masculinizado, ofertar traballos cualificados a mulleres de todas as idades preséntase coma un feito clave para garantir o futuro no rural.

No Comments

Post A Comment

Translate