“Os ODS son tan da Ponte de Outeiro coma de Nova York” (Entrevista publicada no diario El Progreso 25-9-21)

Os termos Axenda 2030 ou ODS (Obxectivos de Desenvolvemento Sostible) son cada vez máis familiares para unha sociedade, que ve como as autoridades ou as grandes firmas dan prioridade a unha estratexia que hoxe está de sexto aniversario. 0 25 de setembro de 2015, no marco da Asemblea Xeral de Nacións Unidas, os líderes mundiais adoptaron 17 obxectivos globais para erradicar a pobreza, protexer o planeta e asegurar a prosperidade para todos. Unha folla de ruta que nacía en Nova York, coa vista posta na terceira década do século XXI, pero que tiña no rural lucense exemplos de compañías que xa seguían os seus principios. O caso de Agroamb, única empresa galega presente no comité executivo da rede española do Pacto Mundial de Nacións Unidas, é o claro paradigma de que o traballo polo futuro da humanidade non depende da localización onde se faga.

Hoxe falar de economía circular, de sustentabilidade ou de responsabilidade na produción ou no consumo é moito máis común, pero como deciden apostar por este modelo hai máis de 20 anos? Como foron capaces de visualizar ese futuro que agora é presente? Para nós non foi difícil no sentido de que foi dar continuidade ao que no seu día iniciaran os nosos pais e avós, apostando por incorporar novos métodos de produción responsable. Daquela non se falaba de economía circular pero os seus principios estaban aliñados cos que actualmente vencellamos con ese sistema económico. A chave para ese adianto no que hoxe todos vemos como necesario para coidar do planeta foi esa: confianza e determinación en continuar unha forma de actuar que devolve á terra o que é da terra.

Esa forma de actuar, como di, non deixa de dar continuidade a cousas que facían os seus antepasados. Entón, faltoulle á sociedade mirar con máis atención e respecto cara aos métodos ancestrais? Si, supoño que si. Non creo que sexa culpa da sociedade, senón da súa evolución lóxica ou a do seu contexto. Os cambios son cada vez máis rápidos e é difícil seguilos, aínda que é inevitable estar nese estado de estar pendente das novas tecnoloxías, ideas e formas de economía. Pero non se trata de cambiar todo e dar por malo todo o que se fixo antes, por iso debemos aproveitar e saber sacar o que xe fixo ben e aliñalo coas novas circunstancias. Non é cuestión de facer borrón e conta nova, senón de ter a mente aberta cara ao desenvolvemento e o futuro, pero sempre tendo en conta o que os antecesores deixaron ben feito. Ao respecto a min gústame moito lembrar as verbas que lle deixou o catedrático de historia da USC, Pegerto Saavedra, á súa filla na manda testamentaria: “Pídolle, a fin de contas, que, adaptándose ás circunstancias nas que lles toca vivir, procure conservar e apreciar a cultura do seu país de nación e que, desde logo, mire para adiante para avanzar, pero tamén atrás para non perderse”. Manter a atención cara aos dous lados é a mellor ferramenta para que o progreso sexa equilibrado.


ODS, Axenda 2030…falamos de termos, estratexias e follas de ruta, unha linguaxe que pode semellar institucional e propia de contornas ‘urbanitas’ . Teñen cabida estas formas de actuar no rural? O urbanita e o rural están máis próximos do que nos parece e cada vez se van achegando máis. As diferenzas son menores e iso, en boa medida, é grazas á formación e ás novas tecnoloxías que permiten facer no rural o que antes só se facía na contorna urbana. Non creo na contraposición de dous ámbitos, penso máis ben na evolución e na sinerxía deles. Sabina cantaba que Madrid era o rompe ondas de todas as Españas e penso que Nova York é o rompe ondas de todos os mundos. Por iso, ao final, alí acaban aflorando cousas que non naceron precisamente neses lugares. Ese feito prodúcese porque hai unha historia detrás. Os ODS afloran na Asemblea Xeral de Nacións Unidas, pero a orixe vén de todo o mundo. Ao final os ODS son tan da Ponte de Outeiro coma de Nova York.

Celebramos o sexto aniversario da súa aprobación, pero cóntenos: en que consisten esa Axenda 2030 e os ODS, en que poden axudar a un veciño ou veciña de Lugo? Os ODS marcan unha estratexia, uns obxectivos e unhas metas globais, pero para conseguilos é vital actuar de xeito local. A folla de ruta da Axenda 2030 pode axudar aos nosos veciños tanto como os nosos veciños poden axudar a que esta se cumpra. Esa dualidade amosa a importancia dos pequenos actos, do que ocorre preto de nós, e como pode influír en todos e todas. Por iso é tan importante que adoptemos actitudes sostibles. Esa estratexia en conexión coa innovación pode, como dicía antes, axudar a que as diferenzas entre o ámbito urbano punteiro e o rural baleirado se diminúan. A sinerxía entre as novas metodoloxías e desexables obxectivos da Axenda 2030 permiten ese cambio de tendencia que enriquece en todos os ámbitos ás zonas menos poboadas. A mellora na conectividade permítenos agora ter acceso a información que antes so podiamos atopar nos grandes centros de coñecemento.

E ás empresas? Sinte que, cada vez máis, firmas da súa contorna adoptan ese xeito de entender o seu papel na economía e, ao mesmo tempo, na sociedade?
Estamos inmersos no que o acordo de Nación Unidas chama a Década de Acción. O reloxo ten a conta atrás activada cara ao ano 2030 e as firmas, como parte da sociedade, debemos ser empresas do noso tempo. No caso de Agroamb temos claro que hai que estar aí. Estamos convencidos de que nun futuro, que case é presente, os consumidores adoptarán a súas decisións de compra tendo en conta o que as compañías achegan ao conxunto da sociedade. Como membros do Pacto Mundial, ao aprobarse a Axenda 2030, adquirimos o compromiso de exercer un papel activo como altofalantes da repercusión que a aplicación desta folla de ruta pode ter no futuro da humanidade. Esta actitude é unha vocación porque sempre tivemos a vontade de facelo independentemente do compromiso que adquirimos.

Como inflúen no día a día do grupo que vostede dirixe eses obxectivos? Como se aplican?
Interiorizándoos na estratexia xeral da compañía e na toma de decisións pequenas e grandes do día a día. É importante que as empresas elaboren o seu plan estratéxico tendo en conta aquelas metas nas que estean traballando, porque só así estarán máis preto de alcanzalas. E por suposto, como en calquera outra operativa, estre proceso ten que ir acompañado dun procedemento e indicadores para ter métricas, porque o que non se mide non se pode mellorar. Ese espírito de progreso é o que nos permite materializar os compromisos e que non queden en sans intencións sen transcendencia.

E de todos eles, cal é o seu favorito? Se ten que escoller un, con cal se quedaría? E complicado elixir cando todos impactan de forma tan directa na nosa vida. Non podemos obviar que todas as empresas teñen que poñer o foco nas persoas, ser institucións sólidas, traballar na acción polo clima, preservar a auga e o solo, innovar para producir enerxías non contaminantes e todo isto para transformar o modelo actual cara unha economía circular. Por iso o ODS 12 quizais sexa ao que máis contribúe Agroamb e polo que en diferentes ocasión fomos premiados. Por suposto estamos moi enfocados co que teña que ver co desenvolvemento sostible do rural e incrementar o seu potencial. A infancia e a educación para nós son fundamentais e as metas que dan resposta ás súas necesidades parécennos as máis interesantes tanto na nosa contorna como en todas. Certamente é máis importante ensinar a unha persoa a pescar que regalarlle o pescado. Ese proceso é o que nos vai levar a contribuír ao fin da redución das desigualdades (ODS10).



Tribuna

A importancia das alianzas

Josefa de León Blanco
Directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb Prodalt

 

As alianzas son fundamentais para poder impulsar este traballo conxunto. As pequenas empresas familiares do rural non o poderíamos lograr se non fose en colaboración. Por iso para Agroamb foi chave ser asinante do Pacto Mundial de Nacións Unidas dende o ano 2013, aplicando os seus 10 principios, o que nos levou de xeito natural a adoptar a Axenda 2030 dende a súa aprobación no 2015.

Esta convicción de que hai que acelerar o paso e aumentar a ambición levounos a ser vogais do Comité Executivo da Rede Española e promover e participar en diferentes asociacións sectoriais. As empresas temos claro que hai que facer as cousas doutro xeito: innovando para cambiar os procesos produtivos, coidando ás persoas, captando talento, con formación continua…pero nada disto sería posible sen unha colaboración público-privada e alianzas coa contorna, con outras empresas, coas universidades e cos centros de coñecemento.

Esta é unha axenda que é de todos por iso ten tanta importancia que cada un, no seu ámbito privado ou empresarial, adopte decisións baseadas nestes obxectivos e, alí a onde non cheguemos sós, vaiamos en alianzas.

 

No Comments

Post A Comment

Translate