Agroamb consolídase como unha referencia internacional na gala do Premio EMAS

A empresa Agroamb ratificou este luns 25 de novembro a súa proxección ao situarse como unha das catro firmas privadas recoñecidas polas súas boas prácticas no eido do desenvolvemento sostible. Así quedou de manifesto na gala do Premio EMAS, que concede a Comisión Europea, e que se celebrou no emblemático Museo Guggenheim de Bilbao.

Malia a que o galardón da categoría de pequenas empresas privadas foi finalmente para a austríaca BERNHARD AV GmbH, de sistemas audiovisuais, para Agroamb representar a Galicia e a España nuns premios internacionais desta dimensión constituíu, sen dúbida, toda unha honra. Nesa liña, cómpre lembrar que, por unha banda, os EMAS non contaban con ningún outro representante galego en ningunha outra modalidade; e, pola outra, que só había outros catro proxectos españois noutras categorías.

Ademais de felicitar aos gañadores e ás outras dúas candidatas que acompañaban a Agroamb nesta fase final (a belga SCHMITZ Digital Printing sprl e a alemá Glöckner Natursteine), a empresa de valorización e xestión integral de residuos para a elaboración de fertilizantes órgano-minerais quere compartir a súa condición de finalista co resto de iniciativas empresariais de carácter autonómico e nacional que tamén aspiraban a este recoñecemento.

Nese senso, cómpre salientar que para chegar á nominación final cómpre superar varios procesos de selección previos dos que se ocupan, en primeira instancia, as comunidades autónomas e, nunha segunda etapa, o Ministerio para a Transición Ecolóxica a través da súa Dirección Xeral de Biodiversidade e Calidade Ambiental e da Dirección Xeral da Auga. Como é lóxico, Agroamb agradécelles tamén aos sucesivos xurados o seu apoio e recoñecemento a unha traxectoria marcada polo compromiso.

Tal como subliñou o director xeral de Agroamb, Severiano Ónega Ares, en diversas entrevistas a medios de comunicación, “para nós é toda unha alegría e unha ilusión o feito de poder ter chegado ata aquí”, máis aínda tendo en conta “o feito de poder compartir unha experiencia así con entidades de gran nivel como as do resto de candidatos, que procedían de sectores de actividade moi diversos, como a imprenta, o proceso de pedra ou os sistemas audiovisuais para conferencias e eventos”.

Ademais, Severiano Ónega non dubidou en situar como “motor” de éxitos coma este “o compromiso e o nivel de desenvolvemento que temos acadado como equipo”, polo que subliñou “se para alguén é este recoñecemento é para todoas as persoas que formamos Agroamb”.

Por último, o director xeral de Agroamb non ocultou que “sermos finalistas nun galardón desta envergadura para nós é, ademais dun recoñecemento á nosa traxectoria, todo un estímulo que nos reafirma en que estamos no camiño correcto”.

Sin comentarios

Publica un comentario

Translate