11 Mar Unha solución 3 en 1 para a fertilización dos cultivos
As enmendas orgánicas de Agroamb achegan nutrintes, materia orgánica e regulan o pH da terra
* Artigo publicado no Especial Campo Lucense de El Progreso o 28-02-2022
O ciclo do campo non para de xirar e o espertador dunha nova sembra xa esta a soar en moitas das explotacións agrarias que se estenden pola xeografía galega, e na de Lugo máis en particular. O momento de botar o millo forraxeiro é chave pola importancia que ten este alimento para un sector como o da gandería, afectado notablemente polo incremento dos custos de produción. Nese contexto a importancia de que os cultivos sexan eficientes e sostibles vese acentuada, polo que a busca de solucións que atendan esas dúas inquedanzas pasa a ser prioritaria.
O primeiro paso para garantir unha boa produtividade das forraxes, xa sexan de millo ou pradeira, é optimizar o estado dos solos nos que se van sementar. As terras dunha gran parte da cornisa cantábrica teñen unha particularidade, a súa acidez, que é un factor limitante da produtividade destas plantacións. Existen múltiples factores que explican o exceso de catións de hidróxeno (h*) que provocan o descenso do pH e polo tanto convirten un solo en ácido: a orixe do terreo (os de lousa son ácidos por natureza), a pluviometría, a presenza de aluminio, determinados compoñentes da materia orgánica…Para neutralizar o contido en demasía de h* e equilibrar o pH habitualmente aplicábanse produtos cálcicos no solo mediante o proceso denominado como encalado. Este remedio supoñía engadir un paso máis a todas as tarefas de laboreo e polo tanto un incremento de custos e horas de traballo, ademais dun descenso na eficiencia da produción. O remedio a estes dous problemas atópase nos fertilizantes orgánicos desenvolvidos por Agroamb, unha empresa con sede no concello de Castro de Rei.
A firma que impulsaron os irmáns Ónega Ares fai máis de 20 anos na Ponte de Outeiro produce enmendas orgánicas que supoñen unha solución 3 en 1 para a fertilización dos cultivos. Os seus fertilizantes achegan nutrintes, materia orgánica e regulan o pH da terra nunha mesma aplicación. Este efecto prodúcese, entre outros motivos, grazas ao seu proceso de elaboración no que se valorizan residuos da industria agroalimentaria que son tratados e hixienizados mediante a aplicación de cal. O resultado é un produto que procura numerosos beneficios aos solos nos que se emprega: mellora as súas propiedades físicas (estrutura e capacidade de retención de auga), mellora o contido de materia orgánica do solo, equilibra o seu pH, favorece a proliferación de microorganismos aumentando a fauna do solo, reduce a toxicidade por aluminio…
A mellora da produtividade das colleitas non é o único beneficio derivado do emprego dos fertilizantes orgánicos (húmico e líquido) que produce Agroamb. A valorización dos subprodutos agroalimentarios supón a súa recircularización, evitando emisións e, á vez, capturando carbono cando se aplican os abonos nas fincas. Empregar as solucións da firma de Castro de Rei implica atender a dúas necesidades de xeito simultáneo: por unha banda dotar aos solos dos recursos precisos para unha colleita abundante e eficiente, e pola outra impulsar novos modelos de produción que axuden a garantir un futuro próspero e sostible.
No Comments