A circularidade tamén é posible nas mostras agrogandeiras

A colaboración de Agroamb coa MOEXMU permite converter en fertilizantes orgánicos os residuos que xeran os animais ao longo do certame

Con 39 edicións ás súas costas a MOEXMU é, por dereito propio, unha das mostras agrogandeiras máis consolidadas de toda Galicia. O certame, que este ano se celebrará do 31 de marzo ao 2 de abril, achega a Muimenta a máis de 15.000 persoas interesadas nas últimas tendencias en maquinaria e, por enriba de todo, nos concursos e poxas de gando. Varios centos de exemplares pasan polo recinto ao longo dos tres días, mais a onde van parar os residuos que xeran?

É incuestionable a capacidade de orixinar recursos para a Terra Chá do Concurso de Gando Frisón e a Exposición de Raza Rubia Galega (ámbalas dúas celebran a súa trixésimo sétima edición) ou da poxa de Gando Selecto (xa van vinte e sete). O que non todo o mundo sabe é que a longo do certame desenvólvense accións que devolven riqueza á comarca dun xeito distinto. Como? A través da economía circular.

A chave está nos residuos que o gando xerará ao longo da fin de semana que, grazas á colaboración entre Agroamb e a organización, pasarán a ser un recurso de alto valor engadido. No ano 2022 a empresa con sede na Ponte de Outeiro (Castro de Rei), valorizou máis de seis toleadas de esterco procedente das vacas da exposición para convertelo en fertilizante orgánico. Este proceso é un exemplo perfecto do que pode ser a circularidade: a empresa recolle cos seus contedores o residuo que transforma, mediante un proceso termoalcalino, en fertilizante orgánico que será aplicado aos cultivos de millo, para que despois as vacas volvan alimentarse co froito da colleita. O ciclo non parará de xirar, impulsando así o desenvolvemento sostible do rural.

(Artigo publicado en El Progreso o 31 de marzo de 2023)

 

No Comments

Post A Comment

Translate