24 Jul O activismo corporativo: cando as empresas miran primeiro polo beneficio da contorna
O compromiso de firmas como a chairega Agroamb favorece o impulso do desenvolvemento sostible
Os tempos nos que as compañías só miraban a conta de resultados, afortunadamente, van quedando atrás. A urxencia climática que vive o planeta é un espertador que leva xa décadas soando e que require dun compromiso global para apagalo. As condicións que padece o planeta están logrando transformar a visión das organización a nivel mundial cara a un enfoque sostible.
Que a humanidade está a empuxar á Terra a unha zona de risco xa non é unha percepción subxectiva. Unha análise publicada recentemente na revista ‘Nature’ cuantificaba por primeira vez os límites seguros e xustos do planeta, esas barreiras que non deberíamos franquear para esquivar as consecuencias máis extremas de esta crise. O estudo traza oito termómetros para medir o estado da saúde da atmosfera e diferentes ecosistemas: o clima, o estado dos ecosistemas e recursos naturais, as fontes de augas superficiais, as subterráneas, a presenza nitróxeno e fósforo na natureza e, por último, a cantidade de contaminantes atmosféricos. Ben, pois agora mesmo se exceden sete de oito límites seguros neses eidos o que supón unha grave ameaza para a saúde humana e tamén para a do planeta.
E como se pode paliar esa situación? Para empezar cunha actuación conxunta de todos os actores gobernamentais e as organizacións. É nese contexto onde nace o concepto de activismo corporativo, que o Pacto Mundial de Nacións Unidas establece como “o movemento polo que as empresas toman parte como axentes de cambio positivo sobre a sociedade e os grupos de interese”. Malia que esa afirmación poida soar afastada para alguén que vive nunha aldea ou unha vila de Lugo, nada máis lonxe da realidade. “Moitas veces pensamos de forma equivocada que o que facemos aquí non ten transcendencia a nivel global, pero ten moita máis importancia do que cremos”, sinala Josefa de León, Directora de Competitividade Estratéxica de Agroamb.
A firma chairega, fundada polos irmáns Álvaro e Severiano Ónega Ares hai máis de dúas décadas, sabe ben da importancia desa afirmación. A empresa con sede na Ponte de Outeiro é vogal do Comité Executivo do Pacto Mundial de Nación Unidas e, ademais de fomentar ese cambio positivo na súa contorna, eleva a realidade e as necesidades do Rural ante as institucións e os órganos que toman decisións. O impulso do desenvolvemento sostible xa estaba no xerme dun proxecto que comezou, como iniciativa de emprego local, valorizando residuos orgánicos da industria agroalimentaria para a elaboración de fertilizantes orgánicos, nun proceso de economía circular que mereceu o Premio Europeo Do Medio Ambiente á Empresa que entrega a Comisión Europea.
“Os tempos mudaron e agora ás empresas teñen que ir moito máis aló de evitar facer impactos negativos e ter un propósito orientado a facer impactos positivos. Cada vez é máis importante aliñar os obxectivos e accións cuns valores que deben ser transversais a todos os teus departamentos. Esa forma de facer as cousas xa é un dos elemento máis diferenciais para os clientes e, o que é un dato esperanzador, para a captación de talento. A esixencia dunha sociedade máis concienciada achéganos a ter máis posibilidades dun futuro próspero e sostible”, revela a directora de competitividade de Agroamb.
Por iso ten tanta importancia o activismo corporativo: primeiro polo beneficio que poden achegar esas empresas á súa contorna, pero sobre todo polo efecto espello que poden xerar. Compañías comprometidas coa Axenda 2030 e os seus Obxectivos de Desenvolvemento Sostible poden exercer un liderado na súa difusión entre quen teñen máis preto que pode ser vital para desactivar esas oito alarmas que sitúan o nos benestar na Terra na zona de risco.
En plena Década de Acción as medidas piden urxencia na súa execución para reducir a dependencia de factores externos: “Non podemos confiar a solución a esta situación exclusivamente aos avance tecnolóxicos. É tan importante ou máis o xeito no que facemos as cousas”, conclúe Josefa de León.
*Artigo publicado no especial “Día Mundial del Medio Ambiente” de El Progreso
No Comments