Agroamb, gañadora do Premio Europeo do Medio Ambiente á Empresa (EBAE) na categoría Proceso para o desenvolvemento sostible

Agroamb obtivo o Premio Europeo do Medio Ambiente á Empresa na categoría Proceso para o desenvolvemento sostible. A firma, radicada en Castro de Rei, alzouse con esta distinción na sección española, que outorga a Fundación Biodiversidade, dos galardóns que concede a Comisión Europea. O certame subliña o valor de aquelas compañías que combinan con éxito a viabilidade económica dos seus proxectos coa protección do medio ambiente.

O CEO de Agroamb, Severiano Ónega Ares, recolleu o premio nunha cerimonia presidida por SM o Rei Felipe VI e a Ministra para a Transición Ecolóxica e Reto Demográfico, Teresa Ribera. Unha vez finalizada a entrega o noso responsable recoñecía que “este tipo de distincións supoñen un enorme impulso para seguir soñando con cambiar o mundo dende a Terra Chá”. O xurado dos Premios EBAE puxo en valor o proceso de revalorización de residuos agroalimentarios que leva a cabo Agroamb para transformalos en fertilizantes organominerais de uso agrícola e forestal.

A sección española dos Premios EBAE, que coordina a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico, recibiu un total de 115 candidaturas procedentes de 16 Comunidades Autónomas, das que o xurado seleccionou as 10 iniciativas gañadoras e as 15 merecedoras dun accésit nas cinco diferentes categorías: Xestión, Produto/Servizo, Proceso, Cooperación empresarial internacional e Empresa e Biodiversidade. Á vez cada categoría estaba dividida nun galardón para Grandes Empresas e noutro para Pequenas e Micro Empresas.

O pasado mes de agosto Agroamb coñecímos que íamos representar a España, xunto a outros 11 proxectos, na edición europea deste certame. Os gañadores desta final daranse a coñecer o 3 de novembro nun acto de entrega online organizado pola Comisión Europea.

Recoñecemento ás boas prácticas
Este nomeamento non é o primeiro a nivel europeo que recoñece as boas prácticas en materia medioambiental e de sostibilidade do grupo con sede no concello lugués de Castro de Rei.

De feito, hai só medio ano, Agroamb xa se consolidara como unha referencia internacional nos Premios EMAS, que tamén concede a Comisión Europea, nos que fora finalista na categoría de pequena empresa privada. Este galardón premia as mellores prácticas daquelas empresas que contan coa certificación EMAS, que outorga este órgano europeo de acordo coa súa regulamentación propia en relación aos Sistemas de Xestión Ambiental.

Previamente, o modelo da empresa con corazón na Terra Chá fora recoñecido a nivel nacional e autonómico con distincións como o XIII Premio Pyme, na categoría de medio ambiente; o XVI Premio Aresa de desenvolvemento rural; ou cunha mención especial nos Premios Somos Paisaxe.

No Comments

Post A Comment

Translate