COVID-19: unha oportunidade para avanzar na loita contra a crise climática

A crise sanitaria provocada pola  COVID-19 non é a primeira que sofre o ser humano na súa historia, pero nunca antes o mundo globalizado vivira unha pandemia desta magnitude. Un golpe de realidade que convida á reflexión pero que, á súa vez, supón unha oportunidade para avanzar na loita contra a crise climática. En Agroamb témolo claro: se o facemos ben, esta é unha gran ocasión para saír da crise a través dunha nova sociedade sostible. É o momento de deixar atrás as vellas formas de consumir, de producir e de movernos.

Ese novo paradigma cunha marcada conciencia medioambiental será ao mesmo tempo o mellor aliado para coidar da nosa saúde. Cun planeta no que se preserve a biodiversidade as probabilidades de pandemias provocadas polas zoonoses reduciríanse notablemente. Tamén os preto de 40.000 falecidos que cada ano provoca en España a contaminación atmosférica. Estas cifras poñen de manifesto a importancia de concienciación da sociedade na protección da súa contorna.

Cada 5 de xuño, desde 1974, a Organización de Nacións Unidas promove o Día Mundial do Medio Ambiente, unha data para inspirar un cambio positivo e sensibilizar á poboación mundial en relación a temas ambientais, intensificando a atención e a acción política. No 2020 a celebración será diferente, non só polo motivo, senón sobre todo polo contexto: o planeta vive unha especie de respiro mentres a humanidade loita contra un virus.

Durante o momento no que os distintos países ían tomando medidas para combater á enfermidade e contendo a respiración, moitos expertos falaban dun cambio de paradigma. Pero, ¿canto hai de real nese cambio e que debemos esperar da nova normalidade?

Os niveis de CO2 e NO2 nas principais cidades españolas un 55% por baixo da media na última década, as canles de cidades como Venecia con auga cristalina… a natureza manifestábase demostrando que necesitaba un respiro. Esa pausa forzosa nas rutinas diarias, reducindo desprazamentos ou cambiando sistemas de traballo, serviu tamén para poñer o foco sobre as consecuencias da acción do ser humano sobre o medio. Calou o suficiente ese impacto ou será un espellismo e sufriremos o efecto rebote?

O 2020 tiña que ser un ano decisivo para as iniciativas contra o cambio climático. En novembro debía celebrarse o cume sobre acción climática da ONU da que sairían fortalecidos os plans para cumprir coa redución de emisións establecida no Acordo de París 2015. Pero, igual que as medidas para combater o virus deron unha tregua á natureza, tamén frearon eses plans para aplacar a crise climática. O cume foi posposto ata o ano 2021 e con el a execución das medidas que se puideran acordar.

Nese escenario as decisións que se tomen para reactivar a actividade e a economía serán chaves para lograr ese cambio de paradigma e, por tanto, favorecer o coidado do Medio Ambiente. Se somos capaces de apostar polas enerxías renovables en lugar dos combustibles fósiles, pola economía circular en lugar da lineal que esgota os recursos e, en xeral, por un modelo máis sostible de sociedade poderemos sacar unha lectura positiva, neste aspecto, dos cambios que provocou esta crise sanitaria.

No Comments

Post A Comment

Translate